Noticias
Dito e feito: presentación pública do Instituto Ourensán de Estudos Sociais e Políticos Atlántida
Anuncieino en maio de 2009 nunha conferencia que impartín en Debate Popular para falar das institucións autonómicas galegas. E hai dous días, o vintetrés de decembro, fixemos a presentación de Atlántida, o Instituto Ourensán de Estudos Sociais e Políticos. Acompáñanme na xunta directiva, que presido, os restantes membros fundadores: César Fernández -ribadaviense do 79, licenciado en filosofía pola USC-, Xan Xosé Rodríguez -arquitecto do 58, presidente do seu colexio profesional en Ourense-, José Luís Casas -ourensán do 36, escritor, intelectual, sobriño de Alvaro das Casas- e Miguel Anxo Bastos Boubeta -profesor de ciencias políticas e de xornalismo na USC-. Unha finalidade principal: a posta en valor da obra dos creadores do pensamento político galeguista. Sen ideoloxía política partidaria, adheríndonos dende o momento fundacional ao "manifesto da ourensanía" obra de González Tosar, Presidente do Pen Clube de Galicia. Agradezo a masiva presenza de autoridades e representacións ourensáns...O 14 de xaneiro virá a inaugurar as conferencias de Atlántida o Presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández que falará sobre "o galeguismo en Ourense: dende a xeración Nós a Gómez Franqueira". Longa vida a Atlántida.















